lunes, 3 de diciembre de 2012

Un día calquera.




Ergueuse da cama. Non prendeu a luz. Colleu a roupa do armario, os zapatos. Cruzou o pasillo sentindo que a mañá ía fría e habería que alcender o quecedor de aire antes de se duchar. Entrou no baño. Tampouco prendeu a luz, si o quecedor de aire. Mentres se afeitaba, repasou a axenda do día: o pedido de libros; o encargo que chegara na tarde de onte e habería que clasificar; chamar aos das estanterías para colocalas o sábado, cando pechaba a biblioteca; a comida con Sagrario. Caiu na conta que non pasara polo banco e tería que facelo antes de ir comer. Pousou a folla de afeitar no lavabo e achegouse á bañeira. A billa da auga estaba na posición desexada. Espiuse e meteuse dentro. Sentiu a auga quente correr polo seu corpo. A auga a correr era como o sinal de inicio do día. Uliu a toalla denantes de se secar. Era un costume que tiña dende pequeño. A toalla ulía a seguridade.


Na cociña preparou un café con leite e dúas tostadas con manteiga. Ía un pouco retrasado no tempo. Buliu. Lavou a louza e limpou a mesa.
Cando ía saír da casa, pensou no frío e decidiu levar unha bufanda. Foi buscala a toda presa ao armario da habitación.
Na rúa e sentiu o vento frío na cara. Subiu as lapelas do abrigo e puxo a bufanda sobre o nariz.
Na parada do autobús saudou aos presentes. A mesma xente de sempre, de todas as mañáns.
A biblioteca estaba a catro mazáns da parada do autobús. Fixo o recorrido ensimismado pensando nos apuntes da oposición que estivera repasando na noite anterior. Aínda lle quedaban dez temas para rematar a primeira lectura.
De súpeto notou algo que non estaba previsto. Os coches estaban parados no paso de cebra pero non se escoitaba o pitido do semáforo. Boeno, a xente cruzaba e el tamén cruzou.
Mireino pasar cando mercaba o xornal. Estatura mediana, cabelo negro ben peiteado, abrigo e bufanda negras facendo contraste co bastón branco de cego.
Un cartel anunciaba o “Día mundial das persoas con discapacidade”. Os eufemismos é o que teñen. Sirven para enredar máis e máis os conceptos, a realidade. Chamar persoas con discapacidade a quen pasa o día salvando as barreiras que os demais construimos, ten delicto.
Abrín o xornal mentres camiñaba. O goberno anunciaba novos recortes en políticas sociais.

No hay comentarios:

Publicar un comentario