domingo, 9 de diciembre de 2012

A repañota.



Non che son moito de lotería porque me parece unha sorte de estafa piramidal. Menos aínda dende que sei do comercio de boletos premiados para lavar cartos negros. É a confirmación de que acostuma a tocarlle aos ricos e, sobre todo, a quen son máis de non cotizar en facenda.
De neno si que me gustaba todo ese asunto das boliñas no bombo e a esperanza de que che toque. Vana esperanza, pois as nenas e nenos que coñezo e coñecín, non mercaban lotería. Si acaso vendían participacións para a viaxe fin de curso ou para a equipa deportiva na que xogan.
Un dos recordos de nenez ten que ver coa lotería.
Na parte de arriba da casa do miña tía Crisanta e o meu tío Pedro en Sanguiñeda,  vivía unha familia, a quen teño gran estima, que, no día da lotería de nadal, tiñan a radio toda a mañán encendida coa letanía do sorteo. A xente miuda sentabamos ao arredor da mesa da cociña e iamos apuntando os números nunha libreta. Mal sabiamos que, no día seguinte, a lista completa estaría exposta en todas e cada unha das estafetas de venda de boletos e tamén nos xornais. Pero nós pasabámolo bárbaro cun traballo que semellaba importantísimo.
Nenos e nenas sempre foron un bo reclamo para publicitar os xogos de azar. Mirade se non o alumnado do Colexio de San Ildefonso, ano tras ano cantando os números e metendo as bolas nos arames, baixo a atenta mirada dunha especie de consello de guerra onde din que incluso hai alguén con praza de notaría.
Non sei si haberá nenas e nenos no sorteo pero, en Ponte Caldelas, lin que van rifar un posto de traballo a media xornada por seis meses. Unha vez máis xogando coa penuria da xente necesitada, nun tempo no que o paro se vende como unha especie de desastre natural que nada ten que ver coa inxusticia do mundo.
Ademáis de inxusto, hai que ser malvado para sortear un posto de traballo. Lémbrame unha práctica que odiei dende neno: “a repañota”. Tirar caramelos ou moedas á saída dos bautizos e ver como hai empurróns e mesmo pelexeiras por conseguir o mellor botín. Botín? Si, Botín, ou algún dos seus antepasados debeu estar no inicio desta estúpida e malsana tradición de conseguir que os pobres pelexen pola miseria. Agora non vou aos bautizos pero, para que non esqueza, están as piñatas dos cumpres.
Pois, en Pontecaldelas van sortear un posto de traballo. Como padriños de bautizo. E a xente desempregada andará acumulando o maior número de rifas por aquilo de si hai sorte. Sorte teñen quen idearon este xogo que a xente sexa tan mansa.
Pero non é Ponte Caldelas o único concello onde se xoga á ruleta rusa na cabeza do desemprego. No Porriño, sen ir máis lonxe, hai dous anos que se celebra, con gran profusión mediática, o que chaman o Feirón de Emprego. Anuncian a existencia duns supostos postos de traballo e disfrutan vendo como a xente se apelotona en torno aos stands, onde empresas, unha boa parte en horas baixas e que están en ERE ou despidindo xente, recollen os curriculums da xente que demanda o dereito ao traballo. Filas enormes e presas por achegarse ás mesas. Unha sorte do filete que o parado occidental do “Galicia canibal” sostén diante do negro, e o negro non lle chega.
Todo son parabéns, sae nas novas da TVG, nos xornais de maior tirada da bisbarra, e é un éxito comprobado a cantidade de xente interesada. Que ninguén atopa traballo nese absurdo e que a oferta é, cando menos sospeitosa, non parece preocupar en absoluto. O que interesa é a imaxe: máis de dez mil persoas compiten por douscentos postos de traballo.
Que sorte teñen de que a xente sexa tan mansa, os sindicatos e partidos tamén, e que a cultura da lotería, a estafa piramidal e a repañota estea metida no ADN a base de letanías dos nenos e nenas do colexio de San Ildefonso e a importancia de apuntar cada numero na libreta por si hai sorte.  

No hay comentarios:

Publicar un comentario