domingo, 12 de mayo de 2013

Hai 55 anos

















11 de maio de 1958.

Exterior. Tardiña.
O meu pai, Raúl, 24 anos, colle un taxi no Porriño para ir a Vigo en  busca do doctor Francisco Palacián.

Interior. Dormitorio.
A miña nai, Merucha, 24 anos, está deitada na cama coas  contracións do seu primeiro parto.
Canda ela a miña avoa, Elena, e a miña tía, Chicha.

Exterior. Tardiña.
Un taxi co meu pai e o doctor Palacián percorre a rúa Manuel Rodríguez e detense diante da Igrexa de Santa María.
O doctor baixa co seu maletín e agarda a que o meu pai pague ao taxista.
Logo de pagar, ambos os dous entran no portal da casa de Fernández Areal,1.

Interior. Dormitorio.
O doctor Palacián osculta a miña nai e comproba o estado de dilatación. Canda el, a miña avoa e a miña tía observan a escena con panos brancos na man.

Interior. Pasillo.
O doctor Palacián fala co meu pai.
Doctor: Vai todo ben pero, de momento, non fago falta así que me vou.
Meu pai: Pero…
Doctor: Non se preocupe, cando me precise estarei aquí ao lado, na casa do meu amigo Paco Arias.
O meu pai acompañao ata a porta e logo entra na habitación.

Interior. Habitación.
O meu pai achégase á cama onde está deitada a miña nai. Colle a súa man e dalle un bico na meixela. A cara da miña nai está tensa pola dor e mostra cansancio e medo.
Meu pai: Non te preocupes, Merucha. Di o doctor que todo vai moi ben.
Miña nai: Se ti estás conmigo eu estou tranquila, Raúl. Dame un pouquiño de auga que teño a boca seca.
O meu pai axúdaa a incorporarse e achégalle o vaso aos beizos.
Comeza a soar “My one and only love” cantada por Sarah Vaughan.





Interior. Habitación. Prosigue a canción.
Spencer Tracy agasalla cun anel a  Katharine Hepburn no seu 45 cumpreanos.
Katharine: Estasme a pidir en matrimonio?
Spencer: Sabes que iso non é posible.
Katharine: Nin falla que fai.
Spencer: Feliz cumpleanos, Kathy.
Bícanse.

Exterior noite. 12 de maio. 0:15 horas. Prosigue a canción.
O meu pai sae apresuradamente do portal de Fernández Areal, 1. En travelling ímolo seguindo pola rúa Manuel Rodríguez. Para diante da casa do doctor Francisco Arias. Na ventá está o doctor Palacián. Vemos como desaparece da ventá e, uns segundos despois sae pola porta co maletín.

Interior. Habitación. 1:30 da madrugada.
O doctor Palacián sostén un bebé polos pes e lle da unha zurra no cú. O bebé, cinco quilos e medio, rompe a chorar.
Primeiro plano da miña nai con expresión cansa pero sorrinte.
Primeiro plano do meu pai cun grande sorriso.
Plano da miña nai conmigo no colo.
Plano do doctor Palacián esterilizando o forceps con auga quente.
Novo plano da miña nai acariñandome a cara co meu pai sentado á súa beira.

Lentamente van pasando os títulos de crédito ata o remate da canción de Sarah Vaughan.

Fundido en negro.

Vese a palabra: FIN.

 




miércoles, 6 de marzo de 2013

Xa non estou imputado.





A xuiza do xulgado de instrucción número 1 do Porriño acodou, mediante auto asinado o 18 de febreiro, o sobreseemento provisonal da causa pola que fun chamado a declarar en calidade de imputado e da que xa din conta neste blog.

O sobreseemento, que non é firme e admite recurso, faise logo do escrito da fiscalía que interesaba esta actuación por non atopar a existencia de delicto, asinado o día 7 de febreiro.

Descoñezo, a día de hoxe, si a parte denunciante, Ubaldo Bao Martínez, terá presentado recurso a esta decisión da xuiza.

Ninguén mellor ca eu era consciente de que non cometera delicto algún, mais verse metido nunha causa xudicial como acusado non é algo que che deixe indiferente e no que podas ter toda a tranquilidade do mundo. Indudablemente, e coñecendo a presunción de inocencia que nos protexe, estar encausado é unha experiencia bastante desagradable, por ser un proceso lento e de final incerto.

Si o que buscaban os promotores desta querella, que entendo non foi unha única persoa senón varias e con claros intereses políticos, era facerme pasar un mal trago o seu obxectivo está plenamente conseguido. Si o que buscaban era manchar a miña traxectoria como alcalde do Porriño, o tiro saiulles pola culata pois o paso polo xulgado é unha especie de proba do algodón que certifica a miña inocencia e honorabilidade. E así o confirma o auto de sobreseemento, logo de horas de declaración ante a garda civil e ante a xuiza e a aportación de toda clase de documentos que a parte denunciante presentou. Nin actuei en contra da lei nin obtiven ningunha clase de beneficio persoal polas miñas actuacións.

É de supoñer que os que me quixeron buscar a ruína, e tamén buscarlla ás demáis persoas querelladas que nin citei nin citarei por respecto e discreción, non estarán brindando con champán nin celebrando o resultado. Fixeron dano pero non o que eles querían. Polo tanto unha nova derrota nese intento xa que non era a primeira vez nin o resultado foi distinto ao desta.

A quen lle poido interesar montar todo este lío?. Eu teñoo moi  clariño e, supoño, que calquera que se pare a pensar un pouco tamén haberá de coincidir conmigo na suposición. Pero non todas as persoas que nos adicamos á política somos iguais aínda que pensen os ladróns que todos somos da mesma condición, como di a sentencia popular.

Quen aproveitou a tribuna pública do pleno da corporación e compareceu diante dos medios de información para anunciar que eu estaba imputado por "graves delictos urbanísticos", estoume a referir ao alcalde e ao seu entorno inmediato, deberían ter a decencia de saír agora a comunicar que xa non estou imputado e que as acusacións carecían totalmente de fundamento. Aínda que dubido de que teñan a valentía e elegancia de facelo, vou agardar un tempo por si tal cousa acontecera. Logo deste prudente tempo de espera verei o que me pide o corpo.

Polo tanto nin chalets en parte algunha, nin contas avultadas en ningunha entidade bancaria de aquí nin de acolá. Quen diga o contrario minte, porque quere mentir e porque algo gaña con facelo. Vivín e sigo vivindo do meu traballo, na mesma posición social que tiña antes de ter cargo institucional algún e o que mudei foi polo que poiden aprender, que é o maior tesouro que hai.

Só me queda agradecer a confianza plena na miña inocencia que demostraron as persoas do meu entorno familiar e afectivo máis inmediato e daquelas, que sin ser tan próximas, mo teñen trasladado. Nos tempos que corren e coa que desgraciadamente está a caír é de agradecer.

Si alguén cre que esta é unha especie de despedida ou declaración de derradeiras vontades está nun grave erro.

Unha aperta.     

domingo, 10 de febrero de 2013

O día da cabra




Estamos no tempo de antroido. De mimosas e orellas. De sacar para fora eso que levamos dentro agochado e que nin nos mesmos sabemos moi ben onde está e o que ocupa. Un diván xigante no que facer catarse colectiva.
A min gústame o antroido. Gustoume de sempre. Se cadra precisei do diván dende que era moi neno. E o antroido, para min, é O Porriño. Púxenlle os cornos na Porta do Sol en Vigo, cando aquilo era unha festa, e tamén no camiño que une os barrios da Feira e o Barreiro en Salceda pero, tamén nisto, eu son moito de zapatillas de andar por casa e o esceario do meu antroido é O Porriño.
O primeiro pasodoble en San Benito.
No Porriño habemos moita poboación xitana. Unha parte é de raza e corazón e outra somos só de corazón xa que a raza non se elixe. Ven isto a conto porque un dos antroidos nos que máis gocei foi o ano en que saimos de xitanos da cabra.
Había un tempo que a nosa comparsa, Pajatú, andaba un pouco de capa caída vendo como o antroido que conseguiramos levantar, de copla e corpo a corpo, ía perdendo peso e os desfiles e o ir de bonito invadía a paisaxe. Non teño nada contra esta modalidade pero eu son máis de mamarrachos e mascaritas.
Pois nestas andabamos cando xurdiu a idea de poñer unha cabra no medio e medio da orde social e institucional do noso concello. E abofé que o conquerimos.
De quen foi a idea?. As ideas no antroido non son de ninguén, son de mancomún. Medran no baldío que coidamos e logo só hai que apañar o que se precisa.
Había que buscar unha cabra. Ese era o afán inicial. Sen cabra non hai xitanos da cabra. Parece lóxico, non?.
E fomos dar con ela na casa de Benito, en Budiño.
Herminia, que así se chamaba a cabra, era un animal pacífico e, que saibamos, non estaba afeita aos antroidos, pero tiña raza e convertiuse rapidamente nunha verdadeira estrela do espectáculo.
Como a todas as estrelas, houbo que lle acomodar un camerino. Non tiñamos corte e metémola na finca da casa de Tito. Alí había herba e de comer non había faltar.
Sabedes o primeiro que fixo a nosa prima dona? Paparlle os rosais!. Eran os tempos do “felipismo” e a parienta saiunos antisistema.
Mentres ela rillaba no xardín, nós tiñamos que preparar o atrezzo: unha boa megafonía que fora facilmente transportable e unha escaleira para subir a Herminia.
Da megafonía encargouse Xaquín, un colega que entende de aparatos e sempre se presta a botar unha man. Da escaleira, Tito, que lle puxo as cores da bandeira patria como correspondía á ocasión.
E chegou o día e chegou a romería. Tres almiñas ciganas e unha cabra pousaron o cú diante da capela de San Benito. O barrio máis carnavaleiro do Porriño. O do xogo da ola.
Harold na guitarra, Diego nos teclados e trompeta e eu mesmo conducindo a Herminia.
Os primeiros minutos da saída no antroido son de sensacións raras. Alí, diante da capela, coas camisas floreadas, os pantalóns pasados de talla, os sombreiros, unha escaleira e unha cabra, sentías como un súor frío correndo polo espiñazo. Ese súor era o derradeiro intento do chamado mundo real de nos botar para atrás.
Pero foi escomenzar a soar o primeiro pasodoble e xa estabamos todos metidos en faena. Porque o santo é de pau que si non tería saído da capela a interpretar con nós “unos bailables”.
E comenzamos a andar. Por primeira vez, a megafonía estaba á altura do que precisabamos e montaba un cristo que nin dios. Coma a dos xitanos verdadeiros que, cun para de cables, unha batería de desguace e unha trompeta, consiguen máis decibelios que a mesma orquestra Os Tamara, nos seus tempos gloriosos.
A xente saía ás ventás; quen pasaba pola rúa miraba para nós coa cara incrédula de serán ou non serán; había quen botaba moedas e quen, logo de botalas, como Guimaré, voltaba sobre os seus pasos e dicía: “pensei que erades os auténticos e agora doume de conta que é cousa do carnaval”.
Herminia repostando.
Certamente foi un paseo triunfal polo Porriño adiante. A cabra foi comendo de todos os xardíns urbanos que atopou no camiño. Non respectou unha zona verde. Tanto papou herba de señoritos, como flores de invernadoiro, tan queridas pola autoridade.
Cando chegamos ao concello, a casa grande de Palacios, xa había un montón de xente ao noso carón. Entre eles, Lino das Bicicletas, que deixou sen rematar un dos seus discursos da Cueva, e veu a escarallarse de risa diante da cabra: “Coidadito con la pintura!”.
E estando diante do concello e co alcalde Barros ocupado na súa eterna consulta de sanador, non tivemos máis remedio que subir a cabra, polas fermosísimas escaleiras de pedra de Palacios, a pidirlle cita a Boente, o funcionario que apuntaba na libreta para ser atendido polo alcalde.
As cabras están máis afeitas ás escaleiras de tixeira, baixiñas e de madeira. Pero Herminia, que como dixen tiña alma de artista, subiu as do concello coa elegancia que o faría Sara Montiel cantando o fumando espero.
Na rúa do Liceum.
Certo é que, mentres subía e logo baixaba, foi deixando tras de sí un regueiro de pequenas e redondas deposicións que os urbanitas habían de confundir cos conguitos. En definitiva, que non contenta con comerlle os rosais do felipismo, cagouse nas escaleiras de Palacios e na porta de entrada do poder dos populares. Definitivamente, un alma antisistema.
Tamén comemos as orellas que sacou Carlos, na de Erundina, e que á cabra non lle sentaron moi ben. Mesmo pensamos que se asfixiaba porque lle foi polo conducto equivocado. Cando Diego estaba a piques de lle facer o boca a boca, a cabra tusiu e solucionou o problema de seu. A cabra salvouse dos beizos de Diego e Diego de saír nunha foto que mesmo podería acabar nas páxinas centrais do interviu como exemplo de zoofilia.
Sempre gustei da cultura xitana, do carnaval e do espectáculo. Ese día tivemos nas nosas mans esas querencias. Aínda hoxe, pasados tanto anos, nos mítines da dereita local, síguense referindo a min como “o da cabra”. Unha grande honra pola que nunca lle estarei suficientemente agradecido. Niso tamén somos a tese e a antítese, que diría un dos irmáns Marx.
Logo cada quen foi polo seu camiño: Herminia a Budiño e os demáis por onde nos levou a vida. Xa non imos xuntos no antroido pero, cando pasamos uns polos outros, miramos de esguello e saennos cornos, porque seguimos tirando ao monte.     

domingo, 27 de enero de 2013

Eu tamén estou imputado.




                                                                                                     
Coméntase estes días no Porriño a suposta investigación, pola fiscalía de Pontevedra, de asuntos relacionados coa xestión do actual alcalde e o grupo de goberno no Concello.
Os dimes e diretes disparanse e cruzan coma lóstregos a xeografía local. Ademáis, a resistencia do alcalde a dar explicacións públicas nos medios informativos e no pleno, alimentan a galerna. Perdeu unha boa oportunidade de se explicar e facer algo de pedagoxía sobre o funcionamento do concello e os medios  políticos, administrativos e xudiciais que hai para ficalizar o seu funcionamento. Agora xa é tarde, o pleno vaise convocar por imperativo legal a petición da oposición.

Creo coñecer, por ter compartido pleno con el durante anos, o xeito de actuar deste alcalde. Tanto cando estaba na oposición, como cando chegou ao goberno, logo da famosa moción de censura apoiada polo Partido Popular, do que el pasou a formar parte e mesmo a dirixir. Podo dicir, pois, que é un home que gusta contestar ás críticas coa célebre frase do “tí máis” que tanto dano ten feito á politica en xeral.
Ven a conto isto porque, no medio da galerna da rumoroloxía, levo escoitado estes días que hai intención do alcalde, e o seu entorno, de sacar roupa suxa, na prensa, sobre os que antes nos tocou gobernar. Algo habitual, como dixen, nos plenos que temos coincidido dende que el é alcalde. Unha especie de invitación ao silencio a través da fórmula: “Se ti contas eu tamén vou contar”. O mellor antídoto para saír deste xogo é contar un mesmo o que poden contar de un e que morra o conto. Poñer a roupa ao clareo e que poida mirar quen lle apeteza.

Aí vai o conto.
Fun alcalde do Porriño dende xuño do 2003 ata o 1 de febreiro de 2010. Xunto coas miñas compañeiras e compañeiros de goberno procurei facer as cousas o mellor que sabía e creo que o balance foi positivo.
De todos os xeitos non estamos os humanos libres de cometer erros e nós, que humanos somos, cometémolos.

Dous dos deses erros son os que veñen a conto neste artigo, por aquilo de que non sorprenda se son usados polo alcalde e o seu entorno para defenderse dos problemas que agora padece.

Imos por partes:

O primeiro erro aconteceu, pouco despois de entrar na alcaldía, o día que fun asinar a cesión, por unha promotora urbanística, dun baixo que queriamos adicar a arquivo municipal. Ata aquí todo correcto, asinei ducias de cesións urbanísticas na notaría. Sempre co mesmo protocolo. Os técnicos púñanse en contacto coa notaría; alí preparaban os papeis e conveniaban día e hora; eu me achegaba alí e asinaba e dende a notaría facían chegar os documentos ao departamento encargado dos mesmos no concello.
Uns anos despois, chegou un requerimento de facenda por non ter pagado o IVE da cesión, que supostamente a constructora abonaba no momento da sinatura.
Cando chegou o requeremento chamamos aos responsabels da constructora, que xa estaba disolta (moi habitual naqueles anos, supoño que para non facer frente a cargas financieiras), e estes recoñeceron, nun documento convenientemente asinado, que non pagado ao concello o que se escrituraba no documento notarial para os gastos do IVE, que agora reclamaba facenda. Din orde de pleitear contra o requerimento de facenda alegando que non podiamos pagar o que non cobraramos e así estaba o asunto cando fixeron a moción de censura. Xa co novo alcalde no sillón, os tribunais déronlle a razón a facenda e o alcalde anunciou que ía chegar a un acordo de compensación cos responsables da promotora porque, con outro nome, estaban a facer un novo edificio no Porriño. O asunto aínda non se levou a pleno. Sin embargo, e pese a coñecer o documento onde a promotora recoñecía non ter pagado, o alcalde e o PP sacaron un anuncio pagado na prensa, Faro de Vigo, no que insinuaban que faltaban cartos, sen explicar que a constructora xa recoñecera que non os pagara.

Convido ao alcalde a que convoque un pleno e mostre o expediente completo porque quedará demostrado que foi un erro e nada máis.

O segundo caso, que tamén pode ser motivo de polémica, produciuse poucos meses antes da moción de censura.
A xunta de goberno, cos informes favorables dos servicios técnicos, concede licencia de primeira ocupación a unha parte dun edificio sobre o que pesaba unha sentencia xudicial que obrigaba a retranquear un piar.
O concello tiña aceptada a sentencia da audiencia provincial que obrigaba ao retranqueo e, eu mesmo, dera a orde de abrir un expediente para executar a sentencia e nomeara ás persoas instructoras do mesmo.
Meses despois, os servicios técnicos detectan o erro nos informes postivos á licencia que tiñan eleborado e, en consecuencia, a nulidade do acordo da xunta de goberno baseado nos mesmos. Informan de inmediato ao secretario do concello, este trasládallo ao alcalde, que xa non era eu,  e, logo duns meses, proceden a anular a licencia polo procedemento reglado: un contencioso administrativo. A xuiza da a razón ao concello na anulación e non impón costas nen carga algunha no asunto.

Unha vez anulada a licencia, un grupo de persoas que xa litigara contra o concello cando eu era alcalde por cuestións urbanísticas, e que perderan todas as denuncias salvo a obra da que falamos, interpón unha denuncia por prevaricación e cohecho contra min, como alcalde, e outras persoas do concello.
Non vou dar o nome de quen tamén teñen imputación neste procedemento, que está en fase de instrucción, porque non fai falta algunha no relato.Polo tanto, estou imputado e xa declarei no xulgado hai uns meses. A miña declaración, basicamente, foi no sentido de que houbera un erro nos informes e que a comisón de goberno dera a licencia como ten que concedela cando hai informes favorables dos servicios que se encargan de informar estes asuntos.
Como digo, o caso está en instrucción e non tiven noticia do xulgado dende que prestei declaración hai uns meses.
Tampouco teño noticia de que se continuara o expediente de execución de sentencia despois de ter pasados case tres anos da entrada do novo alcalde.
Convido tamén ao alcalde a que leve a pleno este asunto e poña a disposición o expediente completo a disposición de concelleiros e concelleiras.
Cando tiven noticia destes dous erros quedei bastante fastidiado.  A ninguén lle gusta equivocarse e que ademáis sexa público. Na medida en que estivo nas miñas mans procurei enmendar os erros e hai suficiente documentación que o proba.

Polo tanto non teño máis que dicir sobre estes asuntos de momento. Espero que non teña o actual alcalde tentación de usalos na súa defensa pública se non é poñendo a documentación completa que hai no concello á luz para que o vecindario poda formarse unha opinión razonada sobre os mesmos.

Sempre fun amigo da transparencia nas institucións públicas e na política en xeral e creo que con este escrito estou contribuíndo a ela.

P.E. Pido perdón aos que siguen este blog, no que vou contando anécdotas da miña memoria, por ter colgado este alegato nun estilo ben diferente do que acostumo. As circunstancias así o requiren e non é a miña intención seguir por estes camiños tan enlamados nas próximas entradas.

      

miércoles, 16 de enero de 2013

Entroido no Porriño






Participantes no xogo da ola, aló polos anos 50. 
Os primeiros recordos que teño do antroido do Porriño son as mimosas marcando o campo do xogo da ola, no barrio de San Benito. Alí, fronte ao Celtiña, todos os martes de antroido, unha roda de homes enfarruscados pasábanse as olas que xa estaban nicadas e non valían para a cociña. Cando a ola escachaba contra o chan, o causante tiña que pagala, no precio estipulado polo árbitro do xogo. Ese árbitro, que estaba subido nunha escaleira de man, era unha persoa de moito respecto para nós: era o que mandaba no xogo; quen tiña a decisión final nas disputas sobre se a culpa era do pasador ou do receptor; no precio das olas; nas multas que se metían, por protestar, aos xogadores e tamén, e  de aí a nosa cautela, ao público que asistía ao xogo tras das mimosas. De cando en cando paraban, ao berro de “a beber”, e a madriña repartía o viño tinto con azucar entre os participantes.
A xente miuda asistiamos ao xogo vestidos de mascaritas e coas caretas mercadas na da señorita Obdulia. 
Cando morreu o xeneral que todo o prohibía, o antroido voltou á rúa e, o xogo da ola, que había anos que xa non se xogaba, voltou  ter o seu sitio preferencial no carnaval.
Nun dos enterros da sardiña, non recordo que ano era, bautizamos a nova rúa que se abriu no campo de xogo, como rúa do xogo da ola, e así lle quedou e figura no rueiro do Porriño.
Cuquín no enterro da sardiña.
Penso que a idea foi de Cuquín, un carnavaleiro de pro que non só anima cos seus disfraces esas festas mais tamén o fai en praia América, creo que o segundo domingo de agosto, cos seus disfraces ben axeitados as cousas que deron que falar dende o antroido pasado.
Un día, foi detido por reivindicar a illa de Perexil vestido de mouro en praia América. A nova saiu no Faro de Vigo e foi causa de risa no Porriño. Non por Cuquín, que xa todos o coñecemos, senón polos gardas que realizaran tal proeza.

Se Cuquín foi o encargado de botar os últimos responsos á sardiña no seu enterro durante anos, Pepe Diz leu o seu testamento, xunto a Teté Delgado, en varios antroidos.
Pepe era unha persoa entrañable, dono da ferretería máis alucinante que eu vin na miña vida. Un lugar cheo de sorpresas onde podías atopar dende o parafuso que buscabas ata postais do Porriño ou mesmo unha guitarra española pintada de lunares.
Pepe amaba o teatro e trasmitía o seu amor por el a quen se achegara á ferretería. Teté, Araceli e moita máis xente fixeron os seus primeiros papeis na ferretería de Pepe.
Ese amor ao teatro foi o que o levou a participar coa nosa comparsa, Pajatú, no antroido que montamos a farsa da raiña Isabel, con gran éxito de público. Penso que a presencia de Pepe no esceario foi máis celebrada que a obra en si. A xente non parou de rir dende que Pepe subiu ao esceario ata que baixou. Por iso a sardiña, ano tras ano, deixaba no seu testamento un teatro para Pepe Diz.
Outro día contareivos cousas de Pajatú, a nosa comparsa. Quede hoxe esta cantiga que lle adicamos a Aznar e Paco Vázquez, uns meses despois de que fixeran gala da súa profunda amistade con motivo do afundimento do Prestige.

miércoles, 9 de enero de 2013

Unha do oeste



Eran catro. Catro rapazolos simpáticos e cheos de vida.
Tiven moitos alumnos e alumnas pero eses catro deixaron pegada en min. Tamén eu era máis novo. Non sei.
Hoxe xa serán homes feitos e dereitos. Terán familia propia, descendencia e lerias diversas. Hai moitos anos que non estou con eles.
Pero daquela eran o meu grupo preferido. As persoas coas que compartía moitas horas na semana. Unha gloria.

Un día descubrín que, o de que a terra fora unha esfera, non o tiñan moi claro. Unha especie do non sabe, non contesta dos enquéritos. Non había opinión formada. As súas preocupacións estaban no máis inmediato e, nin tan sequera, se tiñan feito a pregunta.
Cumplindo co meu deber de profesor titulado, decidín acabar con esa lagoa no seu coñecemento.
Preparei unha clase maxistral, trouxen mapas, a bola do mundo e o atlas, e, durante unha hora enteira, estiven mostrándolles toda aquela artillería didáctica.
“Como é a terra?”, preguntei ao cabo.
“Redonda, profe”, dixo un. “Redonda”, foron repitindo os demáis.

 Non satisfeito, quixen que a imaxe quedara ben gravada nas súas neuronas e pensei que non sería mala cousa que a debuxaran, cada quen no seu folio.
Estabamos sentados facendo un círculo en torno á mesa na que traballabamos. Pidinlle a Tonio -nome suposto- que fora ao armario, onde estaban folios e pinturas, e trouxera o necesario.
Debo confesar que me sentía plenamente satisfeito coa lección impartida e seguro de ter contribuído, modestamente, na trasmisión dos coñecementos científicos. A condición esférica do noso planeta quedara ben determinada. Non había fallo.

 Con bastante parsimonia, porque el era así de natural, Tonio ergueuse e foi cara o armario e, mentres collía o material para poder facer o debuxo do planeta, mirou cara afora pola ventá. Logo mirou para min e dixo con profundo convencemento: “Si, profe, pero por aquí é algho plana”.

Os demáis asentiron e miraron cara min agardando unha resposta convincente.

 Sentín que o meu grupo preferido, o meu “grupo salvaxe”, acababa de facer cair un novo sheriff do cabalo. E alí estaba eu, co chaleque e a estrela de prata no peito, mordendo o pó do camiño.

Moito me teño acordado deles nestes tempos nos que o ministro Wert pontifica sobre a reforma educativa. De seguro que ese sheriff non lle duraba un segundo ao meu “grupo salvaxe”


viernes, 4 de enero de 2013

As comidas e as cancións de Merucha, a miña nai.



O arrecendo da pota de peros a  quecer co viño branco, o azucar e a canela. Ese é o meu recordo máis vivo do nadal. A miña nai cociñando e a pota a ferver.
O tío Cándido, a avoa Emérita e Merucha, a miña nai
 Eu, que nunca fun un gran comedor, e moitos disgustos fixen pasar por ese motivo, cando era neno, lembro a miña nai cociñando algunhas das súas receitas máis sonadas: o pudin de pan con leite, noces e uvas pasas, o arroz con leite, que agora non son quen de comer,vaia vostede a saber o por que, os guisos de carne con loureiro, os callos con garbanzos e macarróns, as castañas cocidas con néboda e fiuncho, e as orellas de carnaval.
Ela tiña unha libreta de receitas escritas a man, cunha fermosa letra redondiña,  que creo que ten a miña irmán Blanqui, e tamén o recetario de Picadillo.

Mais non todo era de cor de rosa na hora de comer. Eu sempre aborrecín o bacallao, sobre todo o cocido. Como todas as nais, a miña, obrigábame a comelo cando tocaba e tivemos grandes broncas, un día si e outro tamén, a conta del. Un día, xa estaban para sair conmigo ao médico, porque tiña unha forte dor no corazón, cando á miña nai veulle un desas chispas de lucidez que a todos nos veñen e preguntou: É polo bacallao, non?. Eu non poiden negalo. Entón, sacar abrigo e bufanda e  sentarse novamente na mesa a comer.
A miña nai e o meu pai na voda de Vita e Moncho.

Ela nunca mo contou pero, hai un par de anos, Vita, unha das súas amigas preferidas, reveloume algo que me deixou pampo: a miña nai aborreceu o bacallao cando estaba preñada de min. As nais son un pozo de sorpresas. Nunca mo dixo, supoño que para non debilitar a súa posición nas batallas cando tocaba batallar polo bacallao.
Sin embargo non recordo a miña nai cociñando bacallao. Nin tan sequera recordo si tiña a receita na súa libreta, que lin un cento de veces. Recordo as comidas que citei anteriormente.

Outra das cousas que facía ben a miña nai era cantar. Cantaba moi ben a miña nai Merucha. Blanca Emérita no carnet, como a miña avoa, pero Merucha para quen a coñecía. Digo que cantaba moi ben, cunha fermosa e limpa voz de soprano. Da coral de Tonio Paz as zarzuelas e de colleita propia, non sei quen lla aprendera, “unha noite na eira do trigo”. Tan ben a cantaba e tanta emoción lle puña no cantar que dou fe de que vin chorar a persoas que malamente entendían o galego cando a miña nai cantaba esa tráxica historia de amor destrozado pola emigración. Abaixo vos deixo a fermosa versión de Uxía que, vos podo asegurar, escoitoulla cantar moitas veces a miña nai.
O arrecendo dos peros a cocer en viño branco, con azucar e canela, e a miña nai cantando, na cociña, é a mellor imaxe que teño do fogar, do amor materno, do caloriño e a seguridade que vivín cando era neno.
Hoxe, noite do catro de xaneiro, hai néboa, pero deixa ver a lúa e as estrelas. E unha presencia que sempre está aí cando a preciso.