martes, 11 de diciembre de 2012

"Love Theme" Blade Runner.




Rachael era moza e vivía nunha casa pequena, afeita a cartilla de racionamento.
Deckard era de casa grande, con mesa, mantel e pan trigo.
El tivo que facer amistade cos cans, de todas as casas do barrio, para que non ladraran e alertaran ao vecindario, para poder falar con ela.
Ela agardaba escoitar o seu asubío no camiño.
Ninguén daba un peso pola relación. Diferentes mundos. El non era de fíar. Ela non estaba á altura.
Logo viñeron ducias de anos de compañía, altos e baixos, loita por saír adiante e alimentar á descendencia, mentres sabiamente alimentaban o seu goce de estar xuntos. Anos de moito traballo, de moita paixón e entrega xenerosa.
Cando mercaron o primeiro televisor en quilómetros á redonda, a xente achegábase coas corozas, baixo a choiva, para ver as películas e os teatros. Sempre foron de abrir as portas e axudar a quen menos tiñan. Sen buscar nada máis que a satisfacción de facelo.
En fin, unha vida como moitas outras.
O código de barras de Dekard tiña a data de caducidade máis cedo que a de Rachael.
Souberon atopar o camiño para se despedir entre bicos.
Quen estabamos ao se arredor sentiamos a música dos acordeóns no campo da festa tocando a Cumparsita. A roupa dos domingos e os zapatos cubertos polo po do torreiro. E o riso, sempre o riso nas súas caras.

No hay comentarios:

Publicar un comentario