miércoles, 6 de marzo de 2013

Xa non estou imputado.





A xuiza do xulgado de instrucción número 1 do Porriño acodou, mediante auto asinado o 18 de febreiro, o sobreseemento provisonal da causa pola que fun chamado a declarar en calidade de imputado e da que xa din conta neste blog.

O sobreseemento, que non é firme e admite recurso, faise logo do escrito da fiscalía que interesaba esta actuación por non atopar a existencia de delicto, asinado o día 7 de febreiro.

Descoñezo, a día de hoxe, si a parte denunciante, Ubaldo Bao Martínez, terá presentado recurso a esta decisión da xuiza.

Ninguén mellor ca eu era consciente de que non cometera delicto algún, mais verse metido nunha causa xudicial como acusado non é algo que che deixe indiferente e no que podas ter toda a tranquilidade do mundo. Indudablemente, e coñecendo a presunción de inocencia que nos protexe, estar encausado é unha experiencia bastante desagradable, por ser un proceso lento e de final incerto.

Si o que buscaban os promotores desta querella, que entendo non foi unha única persoa senón varias e con claros intereses políticos, era facerme pasar un mal trago o seu obxectivo está plenamente conseguido. Si o que buscaban era manchar a miña traxectoria como alcalde do Porriño, o tiro saiulles pola culata pois o paso polo xulgado é unha especie de proba do algodón que certifica a miña inocencia e honorabilidade. E así o confirma o auto de sobreseemento, logo de horas de declaración ante a garda civil e ante a xuiza e a aportación de toda clase de documentos que a parte denunciante presentou. Nin actuei en contra da lei nin obtiven ningunha clase de beneficio persoal polas miñas actuacións.

É de supoñer que os que me quixeron buscar a ruína, e tamén buscarlla ás demáis persoas querelladas que nin citei nin citarei por respecto e discreción, non estarán brindando con champán nin celebrando o resultado. Fixeron dano pero non o que eles querían. Polo tanto unha nova derrota nese intento xa que non era a primeira vez nin o resultado foi distinto ao desta.

A quen lle poido interesar montar todo este lío?. Eu teñoo moi  clariño e, supoño, que calquera que se pare a pensar un pouco tamén haberá de coincidir conmigo na suposición. Pero non todas as persoas que nos adicamos á política somos iguais aínda que pensen os ladróns que todos somos da mesma condición, como di a sentencia popular.

Quen aproveitou a tribuna pública do pleno da corporación e compareceu diante dos medios de información para anunciar que eu estaba imputado por "graves delictos urbanísticos", estoume a referir ao alcalde e ao seu entorno inmediato, deberían ter a decencia de saír agora a comunicar que xa non estou imputado e que as acusacións carecían totalmente de fundamento. Aínda que dubido de que teñan a valentía e elegancia de facelo, vou agardar un tempo por si tal cousa acontecera. Logo deste prudente tempo de espera verei o que me pide o corpo.

Polo tanto nin chalets en parte algunha, nin contas avultadas en ningunha entidade bancaria de aquí nin de acolá. Quen diga o contrario minte, porque quere mentir e porque algo gaña con facelo. Vivín e sigo vivindo do meu traballo, na mesma posición social que tiña antes de ter cargo institucional algún e o que mudei foi polo que poiden aprender, que é o maior tesouro que hai.

Só me queda agradecer a confianza plena na miña inocencia que demostraron as persoas do meu entorno familiar e afectivo máis inmediato e daquelas, que sin ser tan próximas, mo teñen trasladado. Nos tempos que corren e coa que desgraciadamente está a caír é de agradecer.

Si alguén cre que esta é unha especie de despedida ou declaración de derradeiras vontades está nun grave erro.

Unha aperta.