sábado, 15 de diciembre de 2012

Leira de sal



Foto José Lores

Andaba polos cincuenta. Saiu ao mar de Oia a coller percebes. Ás rochas de Oia que estaban a poucos metros da súa casa. As rochas nas que vira bater o mar máis de cincoenta anos. Un mundo de ondas a petar contra as rochas. As mesmas rochas que se tinguiran de chapapote, hai dez anos, cando afundiron o Prestige os cerebros de “canto máis lonxe mellor”. Coido que ela tamén sería unha das que fixeron fileiras de solidariedade e raiba para limpar o mar. Parte da maré de mans, capachos, máscaras, fundas, botas de auga…
Agora xa andaba polos cincuenta e o mar non era a maré negra. O mar era o mesmo mar bravo. Mais tamén o mar nutricio que batía nas rochas cargadas de percebe.
Ela saiu ao mar. Cunha nova fileira solidaria. Contando as ondas. Axexando o momento propicio para baixar e apurar coa rasqueta para colleitar o marisco. Seica eran tres. Dúas mulleres e un mozo que a sostivo da man mentres puido, no medio do bater das ondas. Logo soltouselle, rompeu a cadea e o mar levouna. Cada vez máis adentro. 
Cada vez máis adentro, mentres tentaba manterse a flote. Loitando contra a forza que quería mergullala e levala ao fondo. Corenta minutos de loita, alí, diante dos ollos, sin nada que se poidera facer maís que agardar polo helicóptero, pola equipa de salvamento. O Pesca 1. O mesmo nome , Pesca 1, que voou sobre o  petroleiro cando, igual ca ela, loitaba contra esa forza que tamén o quería mergullar, levalo ao fondo. 
Agora o servizo está privatizado e demoraron por causa dun axuste nos horarios no contrato. 
Mentras ela afogaba cadraban as contas da auteridade e da externalización de servicios no goberno contable de Compostela.
Descoñezo si alguén tamén deu a orde de hai dez anos, “canto máis lonxe mellor”, para ver si saía da súa xurisdición e o chapapote da ineficacia non acaba por marcarlle o traxe elegante e a camisa.
Mercedes Veiga andaba polos cincuenta, o mar e as rochas tiñan millóns de anos. Saiu colleitar na leira de sal e afundiu coma o petroleiro na maré. Descanse en paz. 

Foto Marta G. Brea.

No hay comentarios:

Publicar un comentario