jueves, 22 de noviembre de 2012

A frauta do avó.




José Francés Carpintero
O meu avó Pepe tocaba a frauta. Supoño que nunha das bandas de música do Porriño, pois daquela chegou a haber tres funcionando, como recolle o meu irmán Quico Paz Antón no seu libro “Bandas, músicos e orquestras do Porriño”.
Quico tamén é o autor do retrato que vedes a esquerda, onde o meu avó, José Francés, aparece coa súa frauta. No cadro, Quico quixo deixar constancia doutros dous sinais identificativos do avó: o carnet da UGT e un tren que simboliza o seu traballo de factor na estación do Porriño. Antes estivera na dos Valos, coincidindo co nacemento do meu pai, que naceu no Porriño porque así o quixo a miña avoa Elena.
O meu avó era fillo de Orícera e José e era o maior de sete irmáns: José, Antonio, Eleazar, Asunción, Raquel, Josefa e Eladio. A súa casa familiar estaba no Codesal. Unha casa de planta baixa que tiña un poio, onde recordo sentaba a miña bisavoa Orícera. O bisavó viñera dun pobo de Salamanca chamado Valdelosa e trouxera, ademáis do seu saber para o comercio do viño, as ideas socialistas e republicanas e a militancia no partido fundado por Pablo Iglesias.
En resume, unha familia normal de xente traballadora, nos inicios do século XX.

Quico Paz Anton.
A Quico Paz Antón eu chámolle irmán, que é como se chamaban entre si os galeguistas das Irmandades da Fala. E Quico, que gosta da historia e de profundar nos arquivos e nas hemerotecas, conta no seu libro “O Porriño, 1936” o que aconteceu coa familia Francés naquel entón.
O meu avó José foi detido polos golpistas e internado nunha cella en Tui. Nun xuizo militar sumarísmo foi acusado de rebelión e de pertenza ao Comité de Defensa da República. Condeado a morte, fusiláronno na mañán do día 27 de agosto de 1936. Canda el, eran fusilados Enrique Jaso, José Alonso“Pepe o Negro”, Manuel Losada “Mandamadre”, José Barreiro e Francisco Guinde.
Aos meus tíos avós Antonio e Eleazar viñéronnos buscar á casa familiar do Codesal os da Brigada do Mencer e foron asasinados en Tomiño e guindados nunha cuneta.
A tía avoa Asunción, que resultara ferida nunha perna vindo da defensa de Lavadores, ao se cruzar, en Puxeiros, o camión que a levaba cun destacamento de militares golpistas, pasou varios anos na prisión de Saturrarán.
O tío avó Eladio pasou calamidades en distintos campos de concentración franquistas, o derradeiro na provincia de Burgos.
Nin prenderon, nin mataron ao bisavó e á bisavoa. Quizabes para que a súa condea fora aínda máis dura que a propia morte.
Hoxe, que é día da música, ocurriuseme falarvos do meu avó José Francés Carpintero, que era era factor da Renfe, na estación do Porriño, socialista, republicano e que tocaba a frauta. A frauta non sei onde iría a parar pero aínda sigue viva a melodía.    

2 comentarios:

  1. Será que hay sentimientos que se llevan en la sangre?.
    Qué buen relato de un trocito de una historia que no debería poder contarse, porque no debería haber ocurrido nunca.
    Hasta hoy tenías todo mi respeto y mi cariño. A partir de hoy lo tienen también todos esos seres humanos que contribuyeron a que tú, ahora, estés aquí.
    Un fuerte y cálido abrazo y besos.

    Esperanza.

    ResponderEliminar