domingo, 27 de enero de 2013

Eu tamén estou imputado.




                                                                                                     
Coméntase estes días no Porriño a suposta investigación, pola fiscalía de Pontevedra, de asuntos relacionados coa xestión do actual alcalde e o grupo de goberno no Concello.
Os dimes e diretes disparanse e cruzan coma lóstregos a xeografía local. Ademáis, a resistencia do alcalde a dar explicacións públicas nos medios informativos e no pleno, alimentan a galerna. Perdeu unha boa oportunidade de se explicar e facer algo de pedagoxía sobre o funcionamento do concello e os medios  políticos, administrativos e xudiciais que hai para ficalizar o seu funcionamento. Agora xa é tarde, o pleno vaise convocar por imperativo legal a petición da oposición.

Creo coñecer, por ter compartido pleno con el durante anos, o xeito de actuar deste alcalde. Tanto cando estaba na oposición, como cando chegou ao goberno, logo da famosa moción de censura apoiada polo Partido Popular, do que el pasou a formar parte e mesmo a dirixir. Podo dicir, pois, que é un home que gusta contestar ás críticas coa célebre frase do “tí máis” que tanto dano ten feito á politica en xeral.
Ven a conto isto porque, no medio da galerna da rumoroloxía, levo escoitado estes días que hai intención do alcalde, e o seu entorno, de sacar roupa suxa, na prensa, sobre os que antes nos tocou gobernar. Algo habitual, como dixen, nos plenos que temos coincidido dende que el é alcalde. Unha especie de invitación ao silencio a través da fórmula: “Se ti contas eu tamén vou contar”. O mellor antídoto para saír deste xogo é contar un mesmo o que poden contar de un e que morra o conto. Poñer a roupa ao clareo e que poida mirar quen lle apeteza.

Aí vai o conto.
Fun alcalde do Porriño dende xuño do 2003 ata o 1 de febreiro de 2010. Xunto coas miñas compañeiras e compañeiros de goberno procurei facer as cousas o mellor que sabía e creo que o balance foi positivo.
De todos os xeitos non estamos os humanos libres de cometer erros e nós, que humanos somos, cometémolos.

Dous dos deses erros son os que veñen a conto neste artigo, por aquilo de que non sorprenda se son usados polo alcalde e o seu entorno para defenderse dos problemas que agora padece.

Imos por partes:

O primeiro erro aconteceu, pouco despois de entrar na alcaldía, o día que fun asinar a cesión, por unha promotora urbanística, dun baixo que queriamos adicar a arquivo municipal. Ata aquí todo correcto, asinei ducias de cesións urbanísticas na notaría. Sempre co mesmo protocolo. Os técnicos púñanse en contacto coa notaría; alí preparaban os papeis e conveniaban día e hora; eu me achegaba alí e asinaba e dende a notaría facían chegar os documentos ao departamento encargado dos mesmos no concello.
Uns anos despois, chegou un requerimento de facenda por non ter pagado o IVE da cesión, que supostamente a constructora abonaba no momento da sinatura.
Cando chegou o requeremento chamamos aos responsabels da constructora, que xa estaba disolta (moi habitual naqueles anos, supoño que para non facer frente a cargas financieiras), e estes recoñeceron, nun documento convenientemente asinado, que non pagado ao concello o que se escrituraba no documento notarial para os gastos do IVE, que agora reclamaba facenda. Din orde de pleitear contra o requerimento de facenda alegando que non podiamos pagar o que non cobraramos e así estaba o asunto cando fixeron a moción de censura. Xa co novo alcalde no sillón, os tribunais déronlle a razón a facenda e o alcalde anunciou que ía chegar a un acordo de compensación cos responsables da promotora porque, con outro nome, estaban a facer un novo edificio no Porriño. O asunto aínda non se levou a pleno. Sin embargo, e pese a coñecer o documento onde a promotora recoñecía non ter pagado, o alcalde e o PP sacaron un anuncio pagado na prensa, Faro de Vigo, no que insinuaban que faltaban cartos, sen explicar que a constructora xa recoñecera que non os pagara.

Convido ao alcalde a que convoque un pleno e mostre o expediente completo porque quedará demostrado que foi un erro e nada máis.

O segundo caso, que tamén pode ser motivo de polémica, produciuse poucos meses antes da moción de censura.
A xunta de goberno, cos informes favorables dos servicios técnicos, concede licencia de primeira ocupación a unha parte dun edificio sobre o que pesaba unha sentencia xudicial que obrigaba a retranquear un piar.
O concello tiña aceptada a sentencia da audiencia provincial que obrigaba ao retranqueo e, eu mesmo, dera a orde de abrir un expediente para executar a sentencia e nomeara ás persoas instructoras do mesmo.
Meses despois, os servicios técnicos detectan o erro nos informes postivos á licencia que tiñan eleborado e, en consecuencia, a nulidade do acordo da xunta de goberno baseado nos mesmos. Informan de inmediato ao secretario do concello, este trasládallo ao alcalde, que xa non era eu,  e, logo duns meses, proceden a anular a licencia polo procedemento reglado: un contencioso administrativo. A xuiza da a razón ao concello na anulación e non impón costas nen carga algunha no asunto.

Unha vez anulada a licencia, un grupo de persoas que xa litigara contra o concello cando eu era alcalde por cuestións urbanísticas, e que perderan todas as denuncias salvo a obra da que falamos, interpón unha denuncia por prevaricación e cohecho contra min, como alcalde, e outras persoas do concello.
Non vou dar o nome de quen tamén teñen imputación neste procedemento, que está en fase de instrucción, porque non fai falta algunha no relato.Polo tanto, estou imputado e xa declarei no xulgado hai uns meses. A miña declaración, basicamente, foi no sentido de que houbera un erro nos informes e que a comisón de goberno dera a licencia como ten que concedela cando hai informes favorables dos servicios que se encargan de informar estes asuntos.
Como digo, o caso está en instrucción e non tiven noticia do xulgado dende que prestei declaración hai uns meses.
Tampouco teño noticia de que se continuara o expediente de execución de sentencia despois de ter pasados case tres anos da entrada do novo alcalde.
Convido tamén ao alcalde a que leve a pleno este asunto e poña a disposición o expediente completo a disposición de concelleiros e concelleiras.
Cando tiven noticia destes dous erros quedei bastante fastidiado.  A ninguén lle gusta equivocarse e que ademáis sexa público. Na medida en que estivo nas miñas mans procurei enmendar os erros e hai suficiente documentación que o proba.

Polo tanto non teño máis que dicir sobre estes asuntos de momento. Espero que non teña o actual alcalde tentación de usalos na súa defensa pública se non é poñendo a documentación completa que hai no concello á luz para que o vecindario poda formarse unha opinión razonada sobre os mesmos.

Sempre fun amigo da transparencia nas institucións públicas e na política en xeral e creo que con este escrito estou contribuíndo a ela.

P.E. Pido perdón aos que siguen este blog, no que vou contando anécdotas da miña memoria, por ter colgado este alegato nun estilo ben diferente do que acostumo. As circunstancias así o requiren e non é a miña intención seguir por estes camiños tan enlamados nas próximas entradas.

      

2 comentarios:

  1. [...non é a miña intención seguir por estes camiños tan enlamados nas próximas entradas...]

    Iso espero! ;-)

    ResponderEliminar
  2. Non te preocupes, Rafa. Pero eiche de dicir que a entrada tivo on montón de lectores e lectoras e serviume para facer algunhas puntualizacións necesarias en asuntos que tamén afectan á vida cotiá persoal e colectiva.
    Ese era o único interés.

    ResponderEliminar