miércoles, 9 de enero de 2013

Unha do oeste



Eran catro. Catro rapazolos simpáticos e cheos de vida.
Tiven moitos alumnos e alumnas pero eses catro deixaron pegada en min. Tamén eu era máis novo. Non sei.
Hoxe xa serán homes feitos e dereitos. Terán familia propia, descendencia e lerias diversas. Hai moitos anos que non estou con eles.
Pero daquela eran o meu grupo preferido. As persoas coas que compartía moitas horas na semana. Unha gloria.

Un día descubrín que, o de que a terra fora unha esfera, non o tiñan moi claro. Unha especie do non sabe, non contesta dos enquéritos. Non había opinión formada. As súas preocupacións estaban no máis inmediato e, nin tan sequera, se tiñan feito a pregunta.
Cumplindo co meu deber de profesor titulado, decidín acabar con esa lagoa no seu coñecemento.
Preparei unha clase maxistral, trouxen mapas, a bola do mundo e o atlas, e, durante unha hora enteira, estiven mostrándolles toda aquela artillería didáctica.
“Como é a terra?”, preguntei ao cabo.
“Redonda, profe”, dixo un. “Redonda”, foron repitindo os demáis.

 Non satisfeito, quixen que a imaxe quedara ben gravada nas súas neuronas e pensei que non sería mala cousa que a debuxaran, cada quen no seu folio.
Estabamos sentados facendo un círculo en torno á mesa na que traballabamos. Pidinlle a Tonio -nome suposto- que fora ao armario, onde estaban folios e pinturas, e trouxera o necesario.
Debo confesar que me sentía plenamente satisfeito coa lección impartida e seguro de ter contribuído, modestamente, na trasmisión dos coñecementos científicos. A condición esférica do noso planeta quedara ben determinada. Non había fallo.

 Con bastante parsimonia, porque el era así de natural, Tonio ergueuse e foi cara o armario e, mentres collía o material para poder facer o debuxo do planeta, mirou cara afora pola ventá. Logo mirou para min e dixo con profundo convencemento: “Si, profe, pero por aquí é algho plana”.

Os demáis asentiron e miraron cara min agardando unha resposta convincente.

 Sentín que o meu grupo preferido, o meu “grupo salvaxe”, acababa de facer cair un novo sheriff do cabalo. E alí estaba eu, co chaleque e a estrela de prata no peito, mordendo o pó do camiño.

Moito me teño acordado deles nestes tempos nos que o ministro Wert pontifica sobre a reforma educativa. De seguro que ese sheriff non lle duraba un segundo ao meu “grupo salvaxe”


No hay comentarios:

Publicar un comentario