miércoles, 6 de marzo de 2013

Xa non estou imputado.





A xuiza do xulgado de instrucción número 1 do Porriño acodou, mediante auto asinado o 18 de febreiro, o sobreseemento provisonal da causa pola que fun chamado a declarar en calidade de imputado e da que xa din conta neste blog.

O sobreseemento, que non é firme e admite recurso, faise logo do escrito da fiscalía que interesaba esta actuación por non atopar a existencia de delicto, asinado o día 7 de febreiro.

Descoñezo, a día de hoxe, si a parte denunciante, Ubaldo Bao Martínez, terá presentado recurso a esta decisión da xuiza.

Ninguén mellor ca eu era consciente de que non cometera delicto algún, mais verse metido nunha causa xudicial como acusado non é algo que che deixe indiferente e no que podas ter toda a tranquilidade do mundo. Indudablemente, e coñecendo a presunción de inocencia que nos protexe, estar encausado é unha experiencia bastante desagradable, por ser un proceso lento e de final incerto.

Si o que buscaban os promotores desta querella, que entendo non foi unha única persoa senón varias e con claros intereses políticos, era facerme pasar un mal trago o seu obxectivo está plenamente conseguido. Si o que buscaban era manchar a miña traxectoria como alcalde do Porriño, o tiro saiulles pola culata pois o paso polo xulgado é unha especie de proba do algodón que certifica a miña inocencia e honorabilidade. E así o confirma o auto de sobreseemento, logo de horas de declaración ante a garda civil e ante a xuiza e a aportación de toda clase de documentos que a parte denunciante presentou. Nin actuei en contra da lei nin obtiven ningunha clase de beneficio persoal polas miñas actuacións.

É de supoñer que os que me quixeron buscar a ruína, e tamén buscarlla ás demáis persoas querelladas que nin citei nin citarei por respecto e discreción, non estarán brindando con champán nin celebrando o resultado. Fixeron dano pero non o que eles querían. Polo tanto unha nova derrota nese intento xa que non era a primeira vez nin o resultado foi distinto ao desta.

A quen lle poido interesar montar todo este lío?. Eu teñoo moi  clariño e, supoño, que calquera que se pare a pensar un pouco tamén haberá de coincidir conmigo na suposición. Pero non todas as persoas que nos adicamos á política somos iguais aínda que pensen os ladróns que todos somos da mesma condición, como di a sentencia popular.

Quen aproveitou a tribuna pública do pleno da corporación e compareceu diante dos medios de información para anunciar que eu estaba imputado por "graves delictos urbanísticos", estoume a referir ao alcalde e ao seu entorno inmediato, deberían ter a decencia de saír agora a comunicar que xa non estou imputado e que as acusacións carecían totalmente de fundamento. Aínda que dubido de que teñan a valentía e elegancia de facelo, vou agardar un tempo por si tal cousa acontecera. Logo deste prudente tempo de espera verei o que me pide o corpo.

Polo tanto nin chalets en parte algunha, nin contas avultadas en ningunha entidade bancaria de aquí nin de acolá. Quen diga o contrario minte, porque quere mentir e porque algo gaña con facelo. Vivín e sigo vivindo do meu traballo, na mesma posición social que tiña antes de ter cargo institucional algún e o que mudei foi polo que poiden aprender, que é o maior tesouro que hai.

Só me queda agradecer a confianza plena na miña inocencia que demostraron as persoas do meu entorno familiar e afectivo máis inmediato e daquelas, que sin ser tan próximas, mo teñen trasladado. Nos tempos que corren e coa que desgraciadamente está a caír é de agradecer.

Si alguén cre que esta é unha especie de despedida ou declaración de derradeiras vontades está nun grave erro.

Unha aperta.     

1 comentario:

  1. Pois si, caro Raul, tes toda a razón máis xogas con vantaxe ao tempo que con desvantaxe, coa vantaxe de saber de antemán que quen te denunciou ía fracasar porque mentía, mais coa desvantaxe de saber que sempre, ainda que sexa temporalmente afecta pois faise certo aquilo de "fala que algo queda". Moito terían que mudar as leises para que cando con porca animosidade, alguén pon en función a xustiza e os seus axentes sen fundamento máis forte que a súa mala intención, e estou a falar do efecto boomerang que estas leises terían de ter.

    ResponderEliminar